En marcha.

Onte foi presentada a Candidatura á Comisión Permanente da Federación Veciñal “Eduardo Chao” de Vigo, impulsada por 19 das 35 asociacións veciñais federadas, as mesmas que iniciamos aló polo mes de febreiro un proceso democrático de censura contra do actual equipo directivo por termos fondas discrepancias co seu xeito de axer e a súa xestión.

Teño o orgullo, e sobre todo a responsabilidade, de ser parte integrante desa candidatura plural, como candidato a Secretario da FAVEC. O equipo formado por 8 compañeiras e compañeiros do movemento veciñal, propostos todas e todos polas nosas respectivas asociacións veciñais, é unha síntese entre experiencia acumulada e un firme compromiso renovador dunha das entidades sociais máis representativas da nosa cidade.

A responsabilidade que sinto, cando restan poucos días para a celebración da asemblea xeral que previsiblemente nos nomeará (seica non se presentaron máis candidaturas), é tremenda. Temos por diante o reto ilusionante de recolocar ao movemento veciñal de Vigo na senda da que nunca se debeu afastar. De volver asentar este importante movemento social nos seus principios fundacionais. En resumo, temos a tarefa complexa pero viábel de volver facer da FAVEC a entidade que represente a un movemento veciñal unido, democrático, plural, independente e activo na defensa dos intereses da veciñanza de Vigo.

Hai catro obxectivos fundamentais para esta nova etapa que se ha de abrir após a asemblea do vindeiro día 26.

Primeiro, recuperar e afortalar a unidade interna e a cohesión do movemento veciñal de Vigo. Dixen e volvo soster que até hoxe fomos 19 asociacións as que promovimos este cambio, pero a partir do día 26 teremos que volver a ser 35. Non sobra ninguén, todas e todos somos necesarios; e con todas e todos queremos contar.

En segundo lugar reestablecer a interlocución institucional da FAVEC, nomeadamente co Concello de Vigo. É necesario reabrir as canles pechadas durante estes últimos dous anos, conscientes de que esta situación que prexudica á veciñanza xa que impide unha actuación máis incisiva da federación non é imputábel só a unha das partes en conflito. Queremos voltar ao diálogo, coa máxima vontade de chegar a acordos sempre que sexa posíbel. Non vimos a postrar ao movemento veciñal diante de ningún partido nin do Alcalde, sinxelamente porque a pluralidade ideolóxica da propia federación faino completamente imposíbel. Coincidiremos co actual goberno municipal, como sucedeu con anteriores, na medida en que este goberno atenda as nosas demandas e reivindicacións, e discreparemos cando non o faga. Que ninguén teña a máis mínima dúbida. Ninguén poderá amordazar á FAVEC, pero tampouco imos permitir que ninguén utilice a federación coma a súa palestra política persoal, como sucedeu nos últimos anos.

En terceiro lugar é necesario afortalar e alargar a democracia interna da federación. Hai que devolverlle á asemblea, na que teñen voz e voto todas as asociacións veciñais federadas, o poder e a capacidade de decisión que lle foi furtada. Nese senso é necesaria unha reforma estatutaria e un regulamento de réxime interno que impida no futuro comportamentos antidemocráticos e arbitrarios coma os que sucederon nos últimos meses, onde a Comisión Permanente decidiu sistematicamente desatender o mandato da maioría. Debemos derogar desde xa calquera resquicio de presidencialismo, apostando pola prelación do colectivo sobre posíbeis personalismos. É preciso tamén revitalizar as vogalías e comisións sectoriais, para que as posicións e propostas da FAVEC sexan resultado do traballo conxunto de todas as asociacións. Trátase pois de facer que a federación deixe de actuar como unha asociación veciñal para toda a cidade e volva a ser a voz unitaria dos nosos barrios e parroquias. Nese senso, particularmente coido que sería positivo reducir a duración dos mandatos da Comisión Permanente a 3 anos (actualmente son de 4) para que as asociacións teñan cada menos tempo a posibilidade de relevar ou reforzar a equipa directiva.

E por último é ineludíbel transparentar e colectivizar a xestión. Durante os últimos anos a xestión da FAVEC estivo monopolizada pola Comisión Permanente de costas ás asociacións. Recuperar a comisión de supervisión de contas, que integrada cada trimestre por varias asociacións por sorteo fiscalice activamente e en detalle a economía federativa, será un paso ben importante para recuperar o crédito social e a credibilidade perdida por malas prácticas pasadas. Non basta con ser estritamente honestos, hai que dar mostra clara desa honestidade. Non pode volver haber dúbidas, nunca máis, sobre as contas da federación.

Mais, alén desas catro liñas estratéxicas hai unha tarefa prioritaria para o novo equipo directivo e para o conxunto da federación, que é a de resolver coa maior dilixencia a situación das cen familias das vivendas de Barreiro. Non poden agardar máis. Non podemos facelas agardar máis. Teñen dereito a unha solución e o noso compromiso é procurala dende o primeiro minuto.

Con estas reflexións en voz alta estreo este blogue, no que baixo o título de “Desde o barrio”, compartirei con todas e todos vós, as miñas opinións sobre o que suceda en Vigo e cos seus barrios e parroquias, desde a máis absoluta franqueza e o compromiso por contribuír a unha cidade mellor que compartimos todas as persoas que facemos parte do movemento veciñal.

Agardo os vosos comentarios, que serán sempre ben recibidos.

Acerca de Xabier P. Igrexas

Secretario da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo "Eduardo Chao" (FAVEC). Desde 1998 participa do movemento veciñal vigués. Neste blogue fala da cidade de Vigo e a súa veciñanza desde a óptica dalguén que fai parte do movemento veciñal.
Esta entrada foi publicada en Movemento veciñal e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.

2 respostas a En marcha.

  1. albixoi di:

    Parabéns e moita sorte no camiño que comezas.

  2. Obrigado albixoi polas túas verbas de ánimo.

Os comentarios están pechados.