Somos federación.

Acabo de chegar da Asemblea Xeral Extraordinaria da FAVEC, que comezou ás 10:30h desta mañá, e na que o único punto da orde do día era a elección de nova Comisión Permanente.

A reunión arrancou coa tentativa da Comisión Permanente saínte, de que ao haber unha única candidatura presentada non se celebrase votación e fose “automaticamente” designada. Non estivemos de acordo, e intervín na asemblea defendendo que se votase, xa que é o único xeito no que as asociacións podían expresar libre e democraticamente o seu aval ou oposición á candidatura plural que presentaramos. Moi mal sinal sería principiar un mandato, que foi resultado dun proceso democrático de censura, sen que as asociación federadas manifestaran o seu acordo ou desacordo coa nova equipa. Queremos devolverlle o poder á asemblea, e hoxe tivemos a primeira oportunidade para o facer; e fixémolo.

Finalmente houbo votación, e por petición dunha entidade, esta foi secreta mediante voto en urna. Nada que obxectar ao procedemento -que ningún dos presentes lembraba que se tivese utilizado nunca antes na historia da FAVEC-, inda que como alí se dixo non está de máis recordar que tan democrática, legal e transparente é a votación a man alzada coma o voto en urna.

O resultado da votación foi claro e taxante:

  • Nº electores: 35 asociacións federadas.
  • Votos emitidos: 25 (Participación: 71,42%)
  • A prol da candidatura: 20 (80%)
  • En contra: 3 (12%)
  • Branco: 2 (8%)
  • Nulo: 0 (0%)

De aí que o novo equipo directivo da Federación de Asociacións Veciñais “Eduardo Chao” de Vigo, respaldado cun 80% dos votos, sexa o integrado por:

  1. Presidenta: María Pérez González (A.V. Pontenova-Freixeiro)
  2. Secretario: Xabier Pérez Igrexas (A.V. Val do Fragoso)
  3. Tesoureiro: Carlos Formigo Oliveira (A.V. de Coruxo)

Vogais:

  1. Transporte, medio ambiente e litoral: Francisco Piñeiro Lorenzo (A.V. de Navia)
  2. Infraestruturas e urbanismo: Valentín Bernárdez Ron (A.V. O Carballo)
  3. Benestar social e igualdade: Ana Pérez Davila (C.V.C. de Valladares)
  4. Cultura e promoción veciñal: Eduardo Fernández Pérez (A.V.C.D. Lavadores)
  5. Sanidade: Xosé Manuel Fernández González (A.V. A Paz)

Resta apenas o trámite formal do traspaso de poderes que terá lugar, perante notario, o vindeiro martes 29 de xuño.

Quero agradecer desde aquí e con total sinceridade o apoio recibido, e aplaudir o exercicio de democracia que tivo lugar esta mañá, e que fico certo de que abre unha nova etapa no movemento veciñal vigués. Temos motivos para felicitarnos todas e todos.

Desde hoxe, deixamos de ser 19 asociacións críticas (como se nos alcumou nos medios), para volver a ser con anovado compromiso FEDERACIÓN VECIÑAL. As persoas que conformamos a nova Comisión Permanente temos diante de nós retos importantes, e tarefas que sabemos non serán doadas, pero asumímolos ilusionadas e ilusionados, conscientes iso si da responsabilidade que vimos de aceptar, pero coa certeza de que desde hoxe imos contar coas 35 asociacións federadas, para seguir a facer máis movemento veciñal.

Porque como dixemos na rolda de prensa de febreiro (cando arrancou todo este proceso): somos federación, somos movemento veciñal.

Chuzame! A Facebook A Twitter

About Xabier P. Igrexas

Secretario da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo "Eduardo Chao" (FAVEC). Desde 1998 participa do movemento veciñal vigués. Neste blogue fala da cidade de Vigo e a súa veciñanza desde a óptica dalguén que fai parte do movemento veciñal.
This entry was posted in Movemento veciñal and tagged , , , . Bookmark the permalink.

2 Respostas a Somos federación.

  1. Pingback: Punto final | Desde o barrio

  2. Pingback: Punto final | Contradiscurso