Un ano despois, aquí estamos.

Xa pasou pouco máis dun ano desde que no seo da Federación Veciñal se promovera un relevo democrático na súa dirección, da que teño a honra e a responsabilidade de facer parte.

Foi un ano intenso, cunha inxente carga de traballo, con infinidade de retos e situacións complexas ás que desde a  Comisión Permanente fixemos fronte poñendo o mellor de nós mesmos. Certo é que esta primeira xeira na dirección da FAVEC estivo chea de dificultades, dado que a federación partía dunha situación económica, organizativa e de funcionamento inda peor da que denunciabamos ao promover o proceso de cambio que resultaría co cesamento da anterior directiva.

Porén, malia todo, neste primeiro treito de camiño estou certo de que cometemos algúns erros e que houbo insuficiencias e deficiencias no noso axer, que han de ser superadas canto antes. Mais, refugando de todo triunfalismo, un primeiro balanzo deste ano fai agromar algúns pequenos éxitos:

  • a recuperación da interlocución institucional coa práctica totalidade das administracións (fico convencido de que o diálogo coa Deputación recuperarase en breve),
  • ter sido quen de superar un risco real de quebra técnica da propia FAVEC,
  • a normalización interna que resulta nunha maior unidade de acción do movemento veciñal a través da participación democrática de todas e todos na toma de decisións e o respecto á diversidade plural que o compón,
  • ter encetado a resolución da gravísima situación que atravesaba a Promotora de Vivenda (que inevitabelmente tivo que pasar por acudir ao concurso voluntario de acredores) ao tempo que se solucionaron algúns problemas que levaban meses afectando ás máis de cen familias que residen nas vivendas protexidas que o movemento veciñal promovemos en Barreiro,
  • ter dado resposta conxunta, como movemento veciñal, a importantes problemáticas (albergue, área metropolitana, transporte…)

E todo sen contar con máis recursos que a voluntaria e gratuíta forza de traballo das mulleres e homes que facemos parte da Comisión Permanente.

Mais fican algunhas tarefas pendentes que esbozamos na última Asemblea Xeral Ordinaria, na que se aprobou un ambicioso plan de traballo para os vindeiros meses:

  • a reforma dos estatutos da FAVEC e a elaboración dun Regulamento de Réxime Interno que blinde o funcionamento democrático da federación e que inviabilice que vulneracións pasadas poidan volver acontecer,
  • asegurar as fontes de financiamento, necesariamente público, da FAVEC que aseguren á súa vez o funcionamento estábel e regular da estrutura federativa,
  • recuperar e acrecentar o perfil reinvidicativo do movemento veciñal, levándoo máis alá da cuestión infraestrutural, e promover a activa participación da veciñanza nas asociacións veciñais, desde a convicción de que o movemento veciñal debe fortalecerse na súa base, nos barrios e nas parroquias,
  • incrementar a actividade pública da FAVEC nomeadamente a través da activación e optimización das vogalías sectoriais,

Houbo e haberá dificultades máis sobre todo houbo e haberá retos e ilusión comprometida por os superar. Porque após un ano podemos dicir con humildade máis con orgullo: aquí estamos o movemento veciñal de Vigo, en pé, preparadas e preparados para seguir a camiñar.

P.S.: Cando creei este blogue fíxeno coa pretensión de compartir convosco desde el as miñas opinións e impresións sobre o que acontecera na cidade. A imposibilidade de poder facelo certifica a importante carga de traballo que tivemos que facer fronte durante estes meses. Mais, quero anovar hoxe esa pretensión inicial co compromiso de que tentarei -na medida do posíbel- asomarme a esta fiestra virtual con maior asiduidade.

Acerca de Xabier P. Igrexas

Secretario da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo "Eduardo Chao" (FAVEC). Desde 1998 participa do movemento veciñal vigués. Neste blogue fala da cidade de Vigo e a súa veciñanza desde a óptica dalguén que fai parte do movemento veciñal.
Esta entrada foi publicada en Movemento veciñal e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.